martes, 25 de octubre de 2011

MAL TEMPO, QUE MAL TEMPO ? O que chegou foi un tempo excelente

Os EFECTOS DO MAL TEMPO A choiva non recupera os encoros

Están máis baleiros que hai unha semana e a Xunta di que a súa melloría será lenta
redacción / a voz
Data de publicación:
25/10/2011
O primeiro temporal do outono desatou fortes ventos en Galicia (o refacho máximo, de case 140 quilómetros por hora, rexistrouse en Cuntis) e descargou abundantes precipitacións (o valor máximo en 12 horas mediuse en Mos, con 132,6 litros por metro cadrado), pero a auga caída entre o domingo e onte non investiu a tendencia na ocupación dos encoros de abastecemento, que non parou de baixar desde abril. Segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, o nivel actual dos pantanos é do 48,51 %, mentres que hai unha semana, o pasado día 17, situábase no 50,93 %. «A recuperación será lenta, sobre todo no sur. A terra aínda está moi seca», sinalan fontes de Medio Ambiente.
As choivas das últimas horas, con todo, si poderán equilibrar o pobre balance de precipitacións deste mes. Moitas zonas recibiron máis de 50 litros en 12 horas e nalgúns casos máis de 100 (Soutomaior, Ponteareas, Tui e Lousame, ademais de Mos). «Este episodio de choivas supón, por exemplo, a metade de toda a choiva que recibe de media a provincia de Pontevedra e o suroeste da Coruña en todo o mes de outubro», explican en Meteogalicia.
O temporal, ademais, deixou tras de si un reguero de incidencias, sobre todo por problemas en estradas e inundacións de casas e baixos. Emerxencias 112 atendeu 369 entre a unha da tarde do domingo e as sete da mañá de onte, o 60 % delas en Pontevedra (226). Onte, a choiva colapsou a entrada á Coruña pola avenida de Afonso Molina, con colas de 9 quilómetros de coches. En Ourense, a choiva e o vento derrubaron parte dun muro sobre unha estrada en Pereiro de Aguiar, e varias árbores caeron en Manzaneda, Montederramo e O Carballiño.
Hoxe continúa a alerta laranxa no litoral de Pontevedra e do suroeste da Coruña por mar de fondo, con ondas de máis de 4 metros, mentres que no resto da costa será amarela.
Chega a neve
Ademais, reaparece a neve nas montañas do leste de Ourense e Lugo, en principio por encima dos 1.200 metros. Onte mesmo, sobre as dez da noite, comezou a nevar nos Ancares, chegando a acumular dous centímetros de altura, segundo o responsable do albergue.
Mañá, outra borrasca -non tan forte como a do domingo- pasará por encima de Galicia e volverá deixar fortes choivas xeneralizadas e refachos de vento intensas, con alerta amarela en ambos os casos. O venres parece que regresa o anticiclón «e todo apunta a que durará o fin de semana».

Insisto que mal tempo, se a terra e os ríos xa hai mais de un  mes que pedían auga a berros ???
As veces un se cansa de visións urbanitas de praia e ruas enxoitas para o uso de chancletas e tacóns.
Será que para algunha xenta a auga só ten dous contenedores: A botella de auga mineral e o grifo da ducha ???
Insisto, para os que sufrimos polos nosos campos e rios esta é unha noticia excelente.

E que non pare nun mes ¡¡¡