miércoles, 30 de enero de 2013

Eventos de inicio de tempada. Salmo e W Latorre

Comenzou o ano piscatorio e as sociedades comenzan a espertar do parón das Navidades e o fin de ano.
As que non anunciaron as programacións de escolas de pesca e campionatos, xa andan a preparalos e argallalos.
As mais madrugadoras e previsoras como sempre son as que golpean dúas veces.

Eiquí vos dou referencia de dous eventos con maiúsculas:
  • A escola de pesca de Salmo, coa seriedade dun clube clásico e có engadido de estar levada por un campión do mundo como David Arcay.
  • O clásicoX Campionato de Surfcasting Santiaguiño do Monte, orquestado e dirixido por Luispi



martes, 29 de enero de 2013

Facendo camiño. Iniciamos o centro ictioxénico do Xuvia

Este Domingo que pasou a Voz de Galicia daba conta do inicio do proceso de información pública da 1ª fase do centro ictioxénico do Xuvia.
Esta instalación ubicarase no Muiño pequeno ou de Entrerríos, que se atopa na confluencia do río Xuvia có seu afluente o Castro.
Sería unha instalación propiedade do Concello de Narón (propietario e financiador das obras mediante axudas externas) e manexada pola Sociedade de Caza e Pesca Xuvia, que estaría asesorada polo Servizo de Conservación da Xunta de Galicia nestes traballos.
Este paso é modesto na cuantía das obras pero unha alancada de xigante na conservación do reo e do salmón nesta cauce.
A idea é dispor dun centro de captura e manexo de salmónidos autóctonos que nunha primeira fase serían desovados no centro e incubados en Sobrado dos Monxes para dispor de ovas embrionadas para caixas vibert  e alevíns para a recría en canles de varios muiños da zona, pasando posteriormente a ter unha instalación de incubación no propio centro.
 Hai que ter en conta que o presuposto inicial das obras de todo o centro ictioxénico superaba os 200.000 euros, có que se fixo imprescindible facer unha programación de obra en unidades que se poidan abordar ano por ano por parte do Concello. Así pois esta fase de obra será duns 23.620 €.

Esta primeira fase de obras comprende os seguintes traballos:

  • Implementación dunha escala tipo ''canadian pass'' en aceiro inoxidable. Trátase dun paso de salmónidos de alta eficacia e ideal para o funcionamento dun capturadoiro.
  • Implementación dun capturadoiro de salmónidos coa súa correspondente nasa
  • Limpeza e mellora das canles de alimentación do muiño con vistas a usalas como punto de estabulamento de reproductores
  • Tapado destas canles para evitar vandalismo e captura de reproductores, ben por furtivos, ben por depredadores naturais do río.
  • Habilitación interior do muíño e liña de suministro eléctrico con vistas á posterior instalación do centro ictioxénico.
Este proxecto vaise financiar con liñas de fondos europeos a traverso da Consellería de Medioambiente tras a solicitude por parte do Concello.
Esperemos que a xestión vaia adiante e nun prazo razoable poidamos estar vendo estas instalacións en funcionamento.
Engado imaxes da publicación na Voz de Galicia e da publicación no BOP da Coruña.


martes, 22 de enero de 2013

MOSCAS SECAS DE SALMON

Estar aburrido pode ser una traxedia de consecuencias impredecibles.
E mais cando se ten tempo.
Por iso esta tarde e lojo dunha fructífera discusión có Santi (o de Santinitas,blogspot.com) que sábelle tanto coma min complicarse a vida con cousas de montaxe  acabei argallando esta serie de moscas que eiquí vos apresento.
Levo tempo xa enganchadísimo a esta especie que é o Salmo Salar. E cada vez me fascinan mais as valentias que son capaces de facer estes peixes.
Ata o de agora montara un par de bombers e un par de monster caddis, porsilas, que se di. E nunca tiven resultado algún con elas (no salmón, pero si nos reos) da misma maneira que outras moscas.
Pero a curiosidade ségueme carcomendo e indagando sobre as formas de pescar salmón a seca din con algún modelo de seca e de riffle hitch (moscas para riscar) que vou expor eiquí.
Eilasvan:

Lee Wulff Surface Stone Fly nº 8

Lee Wulff Surface Stone Fly (outra versión) nº 8
Riffling hitch vista traseira. Anzol doble do nº 12

Riffling hitch con embudo de Petitjean

Como curiosidade apuntar que o corpo da Surface Stone vai feito cun material de alta tecnoloxía galega. Como non podía ser doutra maneira tiña que ser o termoretractil, que tantos patróns leva mellorado e rexuvenecido. Tratábase de buscar un sustitudo do plástico que utilizaba Wulff para esta mosca e que tivera flotabilidade e un bó acabado. Creo que se consigueu despois do brainstorm entre Santi e mais eu.
En canto ó riffle,sinalar que fronte os clásicos, optei por usar un embudo de Petitjean para producir o efecto de riscado na mosca.
Probaremos e transmitiremos.
Un sausdo

lunes, 21 de enero de 2013

PASO DO TEMPORAL GONG II

Continuando coa xeira de visitas a ríos da comarca agora van unha fotos do Belelle e mais do Eume, xa do Domingo día 20.
No caso do Belelle a fervenza como sempre no defrauda, pero foi unha pena non visitala o día antes.
O do Eume xa foi espectacular. Ver o Canón deste río vertendo auga a canto podía é un espectáculo que enche os ollos.
A ver se rematan as obras dunha vez e aínda que non sexa este espectáculo natural, poidamos ver auga correr no tramo morto deste río, e que a vida volte a el. Aínda que moito me temo que si sairá uaga limpa polo sifón, pero cando abran as válvulas de fondo voltará a morte a este tramo de río e a todo o cauce ata a desmbocadura. 50 anos de lodos ácedos gardados no fondo do encoro non creo que sexan cousa boa para este parque natural.
Ó lío, velaívan as fotos. Perdoade a calidade pero a humidade e as chaparradas non se levan ben coa compacta, a pesar de que é submerxibel.

O Canón do Eume en toda a súa grandeza. Espectacular a fervenza que cae pola pendente rochosa.

Unha estampa emocionante de cando un río volta á súa natureza orixinal, sen proceso domesticador.


O río Eume despreciando a prisión que lle puxo o home.


A Fervenza do Belelle dende o Castro de Viladonelle

Pena que a fraga estea inzada de invasores

Outra vista desta marabilla natural



domingo, 20 de enero de 2013

PASO DO TEMPORAL GONG

Logo do paso da cicloxénese explosiva que diron en chamar Gong, aproveitei para ir ver os efectos que tivo nos cauces da comarca.
Como en torno ás 13:00 h parece que amainou, pois aproveitei para ir facer uns recados e ver de como quedara todo.
Por motivos varios tiven que ir a Cedeira así que aproveitei para ver como lle fora ó río das Mestas, que é unha das meniñas dos meus ollos.
Mais tarde fun ata o meu Xuvia.
E as cousas andaban así entre as 14:30  horas que estiven no río das Mestas en Porto do Cabo e as 17:00, hora na que estaba na desembocadura do Xuvia.

PORTO DO CABO.RIO DAS MESTAS (14:30 H)




Nesta última foto non me poido sustraer a comentar o ''espabilamento'' dos nosos técnicos e enxeñeiros. A ponte actual está empiagada, coa auga tocando nas vigas de carga. A ponte medieval (pola que ía o camiño a Teixido) ten aíanda espazo de sobra para unha enchenta ordinaria. Non damos aprendido nada e encima desprezamos a sabedoría dos antepasados ...


RIO XUVIA

Hipopótamos no Xuvia. Hippo: cabalo/ Potamon: río

San Sadurniño- A Granxa

Area recreativa do Muiño de Saavedra

Gradaille sen presa. Non hai necesidade de escala

A Retorta anegada por completo

Outra da Retorta

Cerdeiras dende a Ponte

Muiño de Entrerríos. Xa sei que é unha mesta de ríos, pero nesta zona hai 3,5 m de cota de inundación sobre o nivel de primaveira.

A Ribeira en Doso

Outra da Ribeira. Casa de Camilo

Presa do Rei


A presa do Rei parece unha presa dun muíño. Os peixes poden subir por riba da reixa da escala.


Vista da zona da Ponte de Prospes. Final do couto sen morte de San Sadurniño
Muiño da Ponte de Xuvia na desembocadura. Marea Baixa

Penso que con toda a tempada de augas altas que levamos e con esta enchenta,o río leva unha boa limpeza, que nunca ben demais.
En canto ós danos nas frezas que estaban recién rematadas, pois a miña opinión é que posiblemente houbera algún, pero aínda con menos frezas, si a auga e o sustrato no que están, permanecen mais limpos, o resultado será igual ou mellor.
Hai que ter en conta tamén, que coa tempada de augas altas que houbo todo o outono os peixes frezaron nas zonas altas  e mais nos regatos, onde a capacidade destructiva das enchentas é mais limitada.
E isto non o razoei eu, consultado Fernando Cobo sobre o asunto, estableceu que as cousas son así. 
A Natureza evos moi sabia e está en todo, e non da puntada sen fío.
Iremos vendo a evolución destas augas altas.

lunes, 7 de enero de 2013

XORNADAS TECNICAS DE WALDEMAR 2013








Pois iso que este finde tendes donde e con quen aprender. E sobre todo se os vosos horizontes son limitados no tocante ó uso co cú de parrulo con Marc Petitjean ou do mundo da ninfa e a competición da man de David Arcay.
Non me cabe dúbida que da man de estes dous fenómenos poderedes ampliar horizontes, solucionar dúbidas e ter outras novas...Que para iso se aprende, para saber o pouco que sabemos.
Espero que o pasaredes ben

jueves, 3 de enero de 2013

Orde de vedas pesca continental 2013. Mais do mesmo

Neste enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20121226/AnuncioCA02-181212-0007_gl.pdf tendes a orde de vedas de pesca continental para a tempada 2013.

Fundamentalmente é unha copia case perfecta da do ano anterior. E polo tanto repite e forma contumaz os mesmos erros, polo menos esa é a miña apreciación.

A saber:
  • Voltamos a retrasar a apertura dos coutos e zonas libre de pesca sen morte nas masas de auda de migradores. Ou o que é o mesmo, damos munición ós do captura e frie, asumindo que estas zonas de pesca sen morte non se poden abrir porque a pesca produce danos nas mesmas . Como diría Farruco, moi bien, moi bien ...
  • Item mais. Os encoros seguen sen poderse pescar, nin con morte nen sen morte, na época invernal. Unha turronada sen sentido porque durante moitos anos se pescaron, sen que as existencias dos mesmos mermaran de maneira apreciable. E mais os inventarios en encoros como Forcadas falan xustamente do contrario, dun aumento das poboaciónspiscícolas.
  • Otrosí. Seguimos coas ''famosas tres medidas''. Ninguen se preocupou de facer un seguimento a esta controvertida medida, que debeu ser o  ''soño dunha noite de vrao'', e dudo moito qe contribuira a mellorar as existencias de salmónidos. Quen queira saber mais que pregunte a científicos como Fernando Cobo. Quen queira saber menos, ós fenómenos de Gran Hermano, perdón,da DX.
Todo se lle transmiteu ó director xeral onte mesmo nunha tertulia de Rios e Montes. El insiste en defender ó seu staff técnico. El verá...
Eu creo que con este equipo, non imos gañar ningún partido. Sorte será se empatamos.

miércoles, 2 de enero de 2013

A incrible rapidez de Augas de Galicia

Non sei se sabedes, pero hoxe cúmprense 2 anos dende que a Sociedade de caza e pesca Xuvia presentou un escrito ante Augas de Galicia solicitando a caducidade de concesión e derrubamento de presa de Pita.
Tendes eiquí no enlace de Albertrucho a solicitude que presentamos ante este organismo http://albertrucho.blogspot.com.es/2011/01/xuvia-solicita-el-derribo-de-una-presa.html
Esta presa, sen uso na actualidade, estase a converter nun grave problema para as poboacións de migradores no río Mera. Nocaso do salmón é unha barreira importante e no caso da lamprea convirtese no límite de distribución.
Pois ben, que saibades que a estas alturas, a pesar de solicitar que se nos considerara parte no expediente e pedir que se nos trasladaran tódalas actuacións, non hai contestación algunha.
En todo este tempo soamente recibín unha chamada dun vixiante de Augas, que estaba confuso de como acceder á presa en cuestión. Isto di moito do control que hai sobre concesións e obras nos ríos ...
A ver si para este ano temos noticias.
Terei que poñelo na carta ós Reis Magos, digo eu ¡¡¡

Aproveito para desexarvos un Feliz Ano e que pesquedes o doble do que merecedes ¡¡¡