martes, 9 de septiembre de 2014

Ximonde. Problemas no paraiso?

Este domingo que pasou tiña couto en Ximonde. Sen noticias dos meus compis de terna, que imaxino enpantanados de traballo, decidín ir para aló para voltar a cabrear os reos que en Xuño non quixeran colaborar.
E dito e feito. Ás 6:30 estaba ó pé do Prado de Louzao, pertrechándome ó pé do coche e enchido de ilusión.
Cando xa case era a hora legal (7:00) fun camiñando cara á desembocadura do Liñares para empezar a repartir relixión.
Pese á luna que o da todo estes días, contaba coa avantaxe dun día toldado, có que por un lado peneiraba a luna chea e ademais daba uns minutos de marxe para o risco.
Pero a realidade é turrona e os reos nin facían acto de presencia (nada de baños) nin estaban por colaborar (nada de picadas).

Quizais o motivo da inactividade sexa o baixo nivel que leva o río e que corresponde ben coa época. O feito é que a praia do Prado de Louzao era un areal amplio e precisamente nese punto é onde normalmente para os grandes reos que buscan as augas frescas do Liñares (que vistos os útimos episodios de contaminación pode ser moi cuestionable esta hipótese).
O caso e que nin os riscos da fábrica de Trasancos, nin os da fábrica de Pazos, nin jointeds varios foron quen de convencelos a subir.
Visto o cal, en canto comenzou a clarear, decidín pasarme ó CD de Rapala, concretamente un  modelo tuneado con escamado no ventre.
E foi o detonante. Un precioso pelouro de 53 cm agarrouno e fixo brilar a mañá.

Nin a carallada dos anzois simples, nin gaitas. Colleuno a morrer e cunha cravada franca amarrouno na comisura do labio.
Ademais deste cliente, tamén entraron duas troitas fermosas, que viñeron por onde foron, e tiven algún toque mais.
Logo disto e vendo o escaso tiro de corrente e nivel do río, decidín ir cara a Reboredo, a ver si con afogada se podía facer algo a maiores.Pero soamente fun quen de coller uns pintos e nada mais.
Cara ó medio día entrou a fronte a golpear con dureza e con ela o neboeiro e decidín marchar, que a cousa xa pintaba mal, para canto mais có neboeiro...
Como apunte a maiores ademais do baixo nivel do río puiden comprobar algo moitísimo mais preocupante.
Na cabeceira das correntes de Reboredo había unha manchas nas pedras que non vira antes. Blanquecinas e de consistencia esponxosa. Coa sospeita escrita no seu aspecto ...





Non sei moito de fitopatoloxías, pero a sospeita da Dydimosphenia geminata, estaba moi presente.
Espero enganarme e que non sexa o caso. O Ulla non se pode permitir mais pragas e desgrazas.
En todo caso xa enviei fotos á Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con e a ver se non temos que lamentar un invasor mais.
Visto isto recomendo a todos os que vaiades a pescar ó Ulla e logo vos trasladedes de río, procedades a un lavado e desinfección dos vosos equipos de vadeo. Unha pouca lixivia moi diluida é mais que suficiente pata deixar as botas de vadeo desinfectadas e os vadeadores se secan completamente, é mais que suficiente.

PD de última hora: Fernando Cobo desbota a posibilidade de que sexa dydimosphenia geminata. Parece ser que simplemente é unha esponxa de auga doce.
Mellor así. Preferible é enganarse a non comunicar unha incidencia destas e que nos invada a puta alga.